PÍCNIC LUDOTEGAÉLICO

Domingo, 13 de maio do 2018.

PÍCNIC LUDOTEGAÉLICO. Jardi d’Aclimatació, Barcelona.

O día de hoxe estivo dedicado os máis cativos. A eles e elas, os nenos e as nenas que forman parte da Ludotega da ACGB (Asemblea Cultural Galega de Barcelona), e algún máis que, sen buscalo, atopouse cun grupo de xoves vestindo as cores do noso Club, Gaélicos do Gran Sol.

É a primeira vez, nestes tres anos de traxectoria, que presentamos o noso deporte deste xeito tan afable, cercano e participativo.

A través dunha serie de actividades lúdico-deportivas realizadas no exterior, os menores achegáronse ó mundo do fútbol gaélico en primeira persoa. Dende a explicación da orixe do mesmo e as súas regras, pasando por exercios de pases de balón, circuitos e un partido no que non faltou a tanda de penaltis na procura do desempate.

En todo momento gozamos dunha atmosfera cooperativa, con moitas risas e bo humor, e onde os berros de ánimo dos proxenitores se facían notar.

Rematamos a mañá bailando o son dunha fermosísima canción, que nos foi adicada polas familias, chamada “Collín Toxos e Frores”, sen olvidarnos da entrega de diplomas polo esforzo e compañerismo neste seu primeiro adestramento gaélico.

Despois de todo isto, chegou o momento de repoñer enerxías cun pícnic ben gustoso no que tivemos a ocasión de intercambiar opinións e sentimentos entre todos nós, chegando a conclusión de que a experiencia foi, sen duda, un éxito que esperamos repetir, máis pronto que tarde.

Supoño que presenciar todo isto tras o obxectivo dunha cámara fotográfica, non é o mesmo que vivilo dentro do terreo de xogo. E agora, vendo as imaxes tomadas neses intres, é cando verdadeiramente son cosnciente da importancia deste tipo de eventos, onde cativos e adultos compartimos momentos de vida que, de seguro, serán inolvidables. E neles, nas súas miradas inocentes e entusiastas, vexo os nosos sucesores e sucesoras do mañá.

Forza GRAN SOL!!!!

Grazas os pais e nais que fixéchedes posible isto; a vós, nenas e nenos pola vosa entrega, ímpeto e ledicia incalculables; a Vero, pola parte tan grande que che tocou asumir dende o inicio; as persoas de Gaélicos do Gran Sol que, de maneira voluntaria, planificáchedes e leváchedes a cabo tódalas actividades con tanto vigor e profesionalidade; e o fútbol gaélico por existir como deporte e ser a escusa de que hoxe estivemos todos aquí, UNIDOS.

GRAZAS!

Belén Díaz

Cerrar menú